O Concello da Laracha eleva ata os 80.000 euros as axudas municipais á escolarización

2 minutes read

As bases da convocatoria de axudas municipais ás familias para a escolarización dos seus fillos no curso 2026-2027 foron publicadas este mércores no Boletín Oficial da Provincia (BOP), polo que desde o 13 de agosto está aberto o prazo para presentar as solicitudes, que permanecerá en vigor ata o 30 de setembro.

O Concello reforza este ano a dotación económica destinada a estas axudas, que se eleva ata os 80.000 euros co propósito de que poida beneficiarse un maior número de estudantes. A convocatoria vai dirixida a todos os alumnos empadroados no termo municipal da Laracha e que cursen desde educación infantil ata estudos universitarios.

As persoas interesadas deberán presentar a instancia debidamente cuberta e acompañada da documentación requirida. O impreso de solicitude pode descargarse na web municipal (no apartado de ‘Avisos’).

Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará as solicitudes atendendo a criterios educativos e económicos, de maneira que se dará prioridade ás familias con menores recursos económicos.

As contías individuais das axudas son de 165 euros para educación infantil; 150 euros para educación primaria, educación secundaria obrigatoria e programas de garantía social; 225 euros para bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior; 350 euros para estudantes con necesidades educativas especiais; e 400 euros para estudos universitarios de grao medio, superior e máster. Estas axudas municipais son compatibles con calquera outra convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

Con esta convocatoria, o Concello mantén o seu compromiso de apoiar as familias no inicio do curso escolar e facilitar o acceso á educación de todos os cidadáns do municipio. As axudas están destinadas a contribuír a sufragar os gastos derivados da actividade educativa, entre eles a adquisición de material específico e didáctico complementario, vestiario, equipamento informático ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa escolarización.

O reforzo da dotación económica responde á vontade do Goberno local de ampliar o alcance destas axudas e favorecer que un maior número de estudantes e familias poidan contar con este apoio para afrontar os gastos asociados ao novo curso.