O Concello da Laracha impulsa unha ampla programación en torno ao 25N

3 minutes read

O Concello presenta a programación municipal que se vai desenvolver en torno ao 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, unha data simbólica na que se reafirma o compromiso coa igualdade, a prevención e a sensibilización social fronte ás violencias machistas.

A programación abrangue accións educativas, culturais e participativas dirixidas a diferentes públicos coa finalidade de promover valores de respecto, coidado e convivencia en igualdade, reforzando así o traballo que o Concello realiza durante todo o ano neste ámbito.

Estas actuacións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero dan cumprimento aos obxectivos recollidos no IV Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello da Laracha.

Charla Agresións sexuais e violencia sexual – martes 4 de novembro

A primeira das actividades será unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual dirixida exclusivamente ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Agra de Leborís e que se vai realizar en horario lectivo. Impartida por M.ª Angélica Mercado Torres, coaching e formadora especialista en xénero e políticas de igualdade, a sesión pretende fomentar a reflexión sobre o bo trato nas primeiras relacións, identificar as distintas tipoloxías de violencias sexuais e promover unha educación afectivo-sexual baseada no respecto e afastada dos estereotipos da pornografía.

Obradoiro Escape Room: O enigma da igualdade – do 24 ao 28 de novembro

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos tres centros educativos do municipio (Otero Pedrayo, Caión e Alfredo Brañas) participará en horario lectivo nun innovador taller sobre igualdade e violencia de xénero que transforma a aula nunha aventura interactiva. A través da narrativa de misterio e probas cooperativas, os nenos e nenas aprenderán valores de igualdade, traballo en equipo e pensamento crítico.

Programa de prevención das violencias machistas – novembro e decembro

Durante os meses de novembro e decembro, o IES Agra de Leborís acollerá un completo programa de prevención das violencias machistas dirixido ao alumnado de ESO. As sesións abordarán temas como a igualdade, o consentimento, a violencia de xénero e os mitos do amor romántico mediante dinámicas participativas e formatos lúdicos. O obxectivo é fomentar o pensamento crítico, a empatía e a comunicación, así como dar a coñecer os recursos de apoio fronte á violencia machista.

Teatro Feminísimas – 21 de novembro, 21:00 h, na Casa da Cultura

No marco do programa cultural Venres Teatrais, representarase a obra Feminísimas, unha peza que aborda en clave teatral a igualdade de xénero e os estereotipos sociais desde unha perspectiva crítica e humorística.

Teatro Vicio houbo sempre – 25 de novembro, ás 19:00 h, na Casa da Cultura

No propia xornada na que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a actriz Atenea García achegará ao público adulto unha proposta de narración oral divertida e fresca, baseada en historias reais de mulleres maiores que falan do desexo, da sexualidade e da liberdade feminina. A obra, chea de música e memoria, é unha celebración da vida e da diversidade.

V Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas – sábado 29 de novembro, 11:00 h

Como acto simbólico e participativo, celebrarase a quinta edición da Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas con saída desde a Praza Les Sables d’Olonne. A actividade está aberta a toda a cidadanía e incluirá a lectura dun manifesto realizado e lido polo Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA) en rexeitamento da violencia de xénero e en apoio ás vítimas.

Esta programación municipal en torno ao 25N é organizada polo Concello da Laracha en colaboración co Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.