Con motivo da celebración do Mes do Orgullo habilitáronse puntos de lectura específicos nas bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión que reúnen unha ampla selección de obras relacionadas con esa temática.
Os puntos de lectura inclúen títulos de poesía, narrativa e teatro dirixidos ao público infantil, xuvenil e adulto. O obxectivo é ofrecer un espazo visible e accesible que contribúa á sensibilización, inclusión e respecto pola diversidade, ademais de fomentar o achegamento á cultura LGTBI a través da lectura.
Estes puntos permanecerán dispoñibles durante todo o mes de xuño e poden consultarse libremente nas instalacións das tres bibliotecas municipais.
Os membros do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA) tamén se implicaron na iniciativa, visitando o punto de lectura da biblioteca da Laracha para coñecelo de primeira man e facer propostas para mellorar e ampliar este tipo de accións no futuro.
Con esta actuación o Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade, a inclusión e os dereitos das persoas LGTBI.