O Concello da Laracha organiza unha excursión cultural a Portugal para persoas maiores de 55, xubiladas ou pensionistas

A viaxe terá lugar do 6 ao 10 de abril e permitirá aos participantes, que estean empadroados no municipio, descubrir algúns dos enclaves máis emblemáticos de Portugal, combinando patrimonio histórico, espiritualidade, paisaxe e tradición mariñeira.

A estancia será en Fátima, localidade de gran relevancia relixiosa e cultural, onde os asistentes disporán de tempo para coñecer o seu coñecido Santuario, un dos principais centros de peregrinación de Europa.

O programa inclúe unha excursión a Sintra e Cascais. En Sintra, localidade declarada Patrimonio da Humanidade, visitarase o Palacio Nacional e o seu conxunto monumental e paisaxístico caracterizado polos palacios románticos e a arquitectura de inspiración fantástica. A xornada completarase en Cascais, elegante vila costeira coñecida polas súas praias e paseo marítimo.

Tamén se realizará unha visita de día completo a Lisboa, capital portuguesa, onde se combinará un percorrido panorámico en autobús cunha ruta a pé por algúns dos seus barrios máis representativos, como Alfama, Mouraria, Baixa, Barrio Alto, Belém ou o Parque das Nacións, permitindo achegarse á historia e á identidade da cidade.

Outra das xornadas estará dedicada a Óbidos e Nazaré. En Óbidos, vila medieval amurallada de grande valor patrimonial, realizarase un paseo polo casco histórico e polo entorno do castelo. Pola súa banda, en Nazaré coñecerase a súa tradición mariñeira, o santuario e os miradoiros naturais sobre o Atlántico nunha localidade tamén recoñecida internacionalmente polas súas ondas xigantes.

Xa de regreso, farase parada en Aveiro, coñecida como a “Venecia portuguesa” polos seus canais, onde está previsto un paseo en barco pola ría antes de iniciar a viaxe de volta.

O prezo da excursión é de 450 euros por persoa en habitación dobre (120 euros de suplemento para habitación individual). Inclúe aloxamento, pensión completa, visitas culturais e entradas aos monumentos previstos no programa, así como o transporte en autobús, asumindo o Concello o custo deste último.

A preinscrición deberá realizarse do luns ao mércores da próxima semana (do 2 ao 4 de marzo) no departamento de Servizos Sociais do Edificio Administrativo. O número de prazas é limitado a 50 persoas. No caso de que a demanda supere as prazas dispoñibles, celebrarase un sorteo público para outorgalas..

Con esta iniciativa, o Concello continúa promovendo propostas de lecer cultural dirixidas ás persoas maiores, favorecendo o envellecemento activo, a convivencia e a participación social a través de experiencias compartidas que tamén eviten a soidade non desexada.

Related posts

Ponteceso logra a renovación integral da iluminación no peirao de Corme

O PSOE de Coristanco afirma que “os orzamentos non responden ás necesidades reais do municipio”

O prazo de admisión da Escola Infantil Municipal de Cabana abrirá o 15 de marzo