Trátase dunha iniciativa coa que se convida á veciñanza a gozar do patrimonio natural e paisaxístico de municipios próximos a través da realización de tres rutas de sendeirismo durante os meses de abril e maio.
A primeira das rutas, ‘Baixo as carballeiras de Zas’, terá lugar o domingo 19 de abril. Trátase dun percorrido de dificultade moderada e 10 quilómetros de lonxitude que discorrerá por zonas de bosques e montes dese municipio, incluíndo a coñecida Carballeira de Velar, escenario da tradicional Festa da Carballeira de Zas, así como o Pazo de Romelle, outro dos puntos de interese destacados.
A segunda proposta, ‘Dende o Anllóns a Balarés’, celebrarase o domingo 10 de maio. Este itinerario no municipio de Ponteceso, de carácter circular e dificultade baixa, presenta unha distancia de 7,5 quilómetros. Comeza no sendeiro do río Anllóns, pasa polo Observatorio de aves Eduardo Pondal e continúa polo Monte Branco ata chegar a Balarés, regresando pola praia de Barra entre as dunas.
Por último, o domingo 24 de maio realizarase a andaina da ‘Fervenza do Belelle’, no concello de Neda. O percorrido é de 8,6 quilómetros e dificultade moderada. Durante esta ruta pasearase por frondosos bosques de ribeira e polo antigo canal de auga que abastecía unha central hidroeléctrica, ata chegar á espectacular fervenza, considerada unha das máis fermosas de Galicia cunha caída de 45 metros.
En todas as saídas o punto de encontro será a Praza Les Sables d’Olonne da Laracha ás 9:30 horas, desde onde partirá o autobús.
O prazo de inscrición abrirá o luns. A participación é gratuíta, con prazas limitadas e preferencia para as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha. Os interesados poderán anotarse presencialmente na Casa da Cultura ou ben en liña, por teléfono no 676963062 ou enviando un correo electrónico a turismo@alaracha.gal.
Con esta proposta, o Concello reafirma o seu compromiso coa promoción dos hábitos de vida saudables e coa posta en valor do patrimonio natural, fomentando ao mesmo tempo o coñecemento e o respecto polo medio ambiente.