- A incidencia acumulada a catorce días alcanzou este venres os 900 casos por cada cen mil habitantes
O Concello da Laracha presentaba este venres 109 casos de infección activa por covid-19, cun incremento de once con respecto ao día anterior. Ademais, a incidencia acumulada nos últimos catorce días sitúase en torno aos novecentos casos diagnosticados por cada cen mil habitantes. Ante estes preocupantes datos o alcalde, José Manuel López Varela, solicitou á Consellería de Sanidade a realización dun cribado masivo entre a poboación larachesa.
O rexedor considera que esta medida, ademais doutras preventivas específicas que poidan establecer as autoridades sanitarias nos próximos días endurecendo as actualmente vixentes, sería beneficiosa para detectar casos e evitar a propagación do virus no termo municipal.
O Concello fai un chamamento á poboación para o escrupuloso cumprimento da normativa vixente, e apela á responsabilidade individual tanto nos espazos públicos como nos privados como único modo de evitar os contaxios e aplanar a curva da terceira vaga.