O Concello da Laracha ultima os seus tradicionais concursos de Nadal

2 minutes read
  • Son catro: o de contos e postais, o de panxoliñas e o de escaparates

Co Nadal á volta da esquina o Concello da Laracha xa está ultimando os últimos detalles dos catro concursos tradicionais destas festividades: o de contos e postais, o de panxoliñas e o de escaparates.

O certame de panxoliñas ‘María Angeriz Tuset’ realizarase por primeira vez de xeito virtual a través das redes sociais. Esta iniciativa vai dirixida ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que deberán enviar un vídeo coa súa canción. Esta gravación subirase ao Facebook municipal o 23 de decembro para que os usuarios voten polas súas favoritas ata o 3 de xaneiro. Tan só por participar cada entidade recibirá 200 euros; mentres que o grupo gañador, aquel que consiga máis megusta por parte dos internautas, conseguirá premios de 400, 300 e 200 euros.

Pola súa banda, o concurso de escaparates alcanza a súa 26ª edición. Desde o Concello convidan a participar a todos os establecementos e locais comerciais da Laracha para que decoren o seu escaparate exterior. Repartiranse un total de 1.800 euros en premios en dúas modalidades: a valoración do xurado e o concurso de Facebook. O prazo para inscribirse remata o martes 21 de decembro e o escaparate deberá estar adornado, sen modificacións, ata o día 6 de xaneiro.

A valoración do xurado será o mércores día 29 de decembro a partir das 18:00 horas. Tendo en conta as diferenzas entre os produtos dos distintos comercios, valorarase o esforzo realizado en cada traballo seguindo os criterios de creatividade, orixinalidade, iluminación e composición comercial. Os cinco mellor puntuados obterán premios que irán dos 100 aos 500 euros.

A outra modalidade será a través de Facebook. As persoas deberán subir a imaxe do seu escaparate antes do 27 de decembro. As tres fotografías que teñan máis megusta o luns, 6 de xaneiro, ás 12 horas serán premiadas con 150,100 e 50 euros.

Por último, destacan os concursos de postais e contos dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, establecéndose categorías de premios diferenciadas por grupos de idade. En ambos casos a valoración realizarase o xoves 16 de decembro, a partir das 11:00 horas, na biblioteca municipal da Laracha. Os premios consistirán en xogos e material educativo.