A Domus pide ós seus veciños fotografías ou debuxos con motivo do seu 25º aniversario

1 minutes read
  • Rey destacou que hoxe máis que nunca é primordial non deixar de lado a investigación e a ciencia

Este martes celébrase o 25 aniversaio da Domus, o museo científico de A Coruña, e a rexedora, Inés Rey, destacou que hoxe máis que nunca «a actualidade confírmanos que non podemos deixar de lado a investigación, que o coñecemento ten que ser a prioridade de todos os gobernos e, como tal, as administracións deben impulsar a ciencia desde a escola e con iniciativas e museos como os catro en que A Coruña amosa os seus avances e curiosidades dunha forma diferente». Pola súa parte, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez, sinalou que nestes 25 anos, «a Domus ensinounos de que estamos feitos, como funciona o noso corpo, como nos relacionamos coa contorna e por que somos intelixentes».

O segundo dos tres Museos Científicos Coruñeses ergueuse coa condición de ser o único que daquela xiraba arredor da especie humana dun modo interactivo. Deseñouno o arquitecto xaponés Arata Isozaki coa axuda do galego César Portela e conta con máis de 150 módulos que se foron renovando cos anos, onde as espectadoras e espectadores non son axentes pasivos, senón que constitúen a última e máis esencial das pezas dunha Casa da Humanidade en que se aprende dunha maneira lúdica.

Para celebrar a efeméride, a Domus proponlle á veciñanza que achegue fotografías vinculadas co museo e anímaa a que, nestes días de confinamento, comparta as súas lembranzas ou realice debuxos inspirados nas súas experiencias baseándose na idea de que a participación do público é a que lle dá sentido a este museo que cumpre hoxe o seu 25 aniversario.