O Concello de Camariñas aproba un orzamento á alza de 6,6 millóns de euros

3 minutes read

O goberno local de Camariñas aprobou en pleno o Orzamento Municipal para o exercicio 2026, unhas contas que ascenden a 6.639.961,71 euros, presentando un rigoroso equilibrio entre ingresos e gastos. Este documento consolida unha folla de ruta estratéxica centrada no coidado das persoas, a mellora continua das infraestruturas e a dinamización económica do municipio, garantindo ao mesmo tempo a saúde financeira e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

«Estes orzamentos están pensados nas persoas, no benestar e, en definitiva, na calidade dos servizos públicos que reciben os nosos veciños e veciñas», sinalou a alcaldesa, Sandra Insua, subliñando que as contas avanzan nun contexto de suspensión de regras fiscais pero mantendo os principios de boa xestión para asegurar a estabilidade a medio e longo prazo.

O gran piar destas contas é, un ano máis, a atención aos colectivos máis vulnerables. A área de actuacións de protección e promoción social supón o 17,77% do orzamento. En concreto, o programa de servizos sociais increméntase ata os 994.244,80 euros , o que consolida un crecemento ininterrompido nos últimos anos.

Dende o executivo municipal destácase especialmente o esforzo económico destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), considerado unha ferramenta fundamental para garantir que as persoas maiores e dependentes da vila reciban unha atención digna.

Servizos públicos, deporte e cultura

A dotación para o mantemento e mellora dos servizos públicos básicos (limpeza, recollida de residuos, salubridade, etc.) acada os 2.826.343,20 euros, representando o 42,57% do total. Se a isto sumamos a área social, máis do 60% do orzamento diríxese directamente a garantir a calidade de vida no municipio.

Así mesmo, a parte destinada ao fomento do deporte e á cultura ascende a 1.037.420,21 euros (un 15,62% do total). Neste eido, séguese apostando de forma decidida por eventos estratéxicos como a Mostra do Encaixe, fundamental tanto pola súa proxección internacional como polo beneficio económico directo que supón para o comercio e a hostalería local.

Investimentos para construír futuro

O anexo de investimentos duplícase con respecto ao exercicio anterior e ascende a 720.564,28 euros. Grazas ao esforzo do Concello e á captación de fondos doutras administracións, levaranse a cabo actuacións transformadoras en todas as parroquias:

En canto á mellora urbana e viaria: humanización das rúas Alcalde Noguera Patiño e Médico Tomás de Artaza, mellora de beirarrúas na Avenida da Coruña, e a reparación de vías afectadas polos incendios do verán de 2025, ademais da mellora de pavimentos no Allo, Tasaraño, Brea e Gándara en Xaviña.

No referente ao patrimonio e a cultura prevese unha achega municipal de 100.000 euros para a posta en marcha do Museo dos Naufraxios e a adquisición do Castelo do Soberano e de terreos na praia de Arou. Tamén a  adquisición de fondos para a biblioteca municipal.

Ademais, están incluídos proxectos para a mellora de infraestruturas como a reforma da Cámara Agraria na Ponte do Porto, a construción da pista polideportiva no Areal e renovación dos parques e instalacións deportivas existentes.

Por último, en canto á xestión da débeda, o plan financeiro contempla a amortización de varios préstamos coa Deputación (PAI e POS) e a liquidación final do préstamo con Abanca, estimando unha reducida carga financeira en pasivos para este exercicio (85.298,45 euros)