O Concello de Camariñas vén de solicitar unha axuda á Xunta de Galicia ao abeiro do seu programa Galicia Refuxio Climático para acometer novos traballos de humanización de diferentes espazos, xerando ambientes frescos e agradables en dous puntos: a Praza da Insuela e o porto.
O orzamento total da actuación ascende a 75.000 euros e inclúe, por unha banda, a execución dunha nova fonte e máis zonas verdes na Praza da Insuela, e, pola outra, a creación de novas sombras no paseo do Porto de Camariñas.
Na Praza da Insuela, situada xusto diante da Casa do Concello, a intervención principal será a instalación dunha fonte ornamental. Esta infraestrutura estará deseñada con valos exteriores amplos sobre os que se colocará unha cuberta de listóns de madeira para que a veciñanza poida sentar comodamente á beira da auga.
Ademais, mellorarase notablemente a permeabilidade do chan. O actual pavimento de lousas de formigón substituirase por lastros de formigón poroso, o que facilitará o paso da auga cara á terra. Tamén se ampliarán as escavas das árbores existentes, ás que se lles engadirá terra vexetal e se sementará herba, aumentando así a superficie de solo libre e verde da praza.
A segunda área de actuación céntrase na franxa axardinada do porto. Para combater as duras condicións orixinadas polos fortes ventos e o salitre do mar —que causaron a perda de moitos exemplares no pasado— , o Concello plantará árbores da especie Callistemon viminalis.
Esta especie demostrou estar moi ben adaptada ás condicións do lugar. Plantaranse exemplares duns dous metros de altura para refacer a aliñación e garantir que os veciños e visitantes poidan gozar dunha zona sombreada para pasear ou descansar nos bancos á beira do mar.