Acondicionado un novo aparcadoiro público e gratuíto na zona da Cristina

1 minutes read
  • Na zona do Rego da Balsa comezan as obras de restitución duns terreos para uso particular

O goberno municipal de Carballo continúa apostando pola fórmula do comodato para crear unha bolsa de aparcadoiros gratuitos e públicos que xa supera as 2.000 prazas. Este sistema consiste na cesión dos terreos por parte dos titulares a cambio da exención de impostos, podendo recuperar o solo en calquera momento. De feito, xa comezaron as obras de restitución duns terreos da zona do Rego da Balsa que os seus titulares recuperarán para uso particular.

O material extraído desta zona xa ten destino porque se utilizará para acondicionar un novo espazo de estacionamento na zona da Cristina, xunto á estación de autobuses e o colexio. Este novo aparcadoiro sumarase ao da zona da Milagrosa, no cruzamento das rúas Compostela e José María Castroviejo, que xa puido utilizarse para a feira do domingo pasado e que a partir de agora estará dispoñible a diario.

O modelo carballés posiciona á localidade como un referente en Galicia, e desde o Concello lembran que a fórmula do comodato está permanentemente aberta a incorporacións. As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.