As rotondas da Avenida Bergantiños e da rúa Perú, en Carballo, serán unha realidade en Semana Santa

1 minutes read
  • A zona urbana da vila estará pechada ao tráfico pesado durante todo ese período, e os camións serán desviados pola circunvalación da AG-55

As empresas que están a executar obras nas zonas do Chorís e os Baños Vellos, no municipio de Carballo, aproveitarán as vacacións de Semana Santa para construír as rotondas que están previstas en ambas actuacións. Para facilitar as obras, durante este período prohibirase a circulación de tráfico pesado pola zona urbana, polo que os camións serán desviados pola circunvalación da AG-55.

As obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, ademais de renovar os servizos urbanísticos, teñen como finalidade completar as infraestruturas viarias nunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria ao contar cunha gran afluencia de peóns arredor das instalacións educativas e deportivas existentes. Así, no cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e Avenida de Bergantiños deseñouse unha rotonda de 19.50 metros de diámetro para facilitar a circulación rodada, aliviar o tráfico e unificar as aliñacións entre as rúas Vila de Corcubión e Alfredo Brañas. Despois de realizar os traballos previos nestes últimos días, a empresa Excavaciones Candal aproveitará as vacacións da semana que vén nos centros escolares e a conseguinte diminución do tráfico para construír a glorieta, para o cal será preciso pechar ao tráfico a avenida de Bergantiños de luns a mércores.

A época vacacional tamén permitirá á empresa Vázquez y Reino acometer unha actuación similar que mellorará substancialmente a fluidez da circulación no cruce entre as rúas Ecuador, Pontevedra e Perú. Nesta última estase a desenvolver un proxecto de mellora dos servizos urbanísticos e a seguridade viaria.