O Concello de Carballo inicia unha nova campaña de trampeo da avespa velutina

2 minutes read

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina. O 1 de marzo, coma todos os anos, arrincará a deste ano, na que novamente contan coa axuda dos apicultores e apicultoras do concello e tamén da veciñanza.

O ano pasado participaron máis de 200 veciñas e veciños, que axudaron a distribuír polo territorio un total de 1.519 trampas, o que permitiu capturar 32.482 avespas, 12.000 máis que o ano anterior. Unha das características da campaña de trampeo é que está aberta a toda a cidadanía, polo que poñen á vosa disposición tanto as trampas como líquido atraente. O ano pasado distribuíronse 1.736,5 litros.

Se queres sumarte só tes que achegarte ata a oficina da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, na rúa Brasil, número 27, a partir do venres 1 de marzo.

Aínda que acabar coa avespa velutina semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible grazas a estas campañas anuais, ás que cada vez se van sumando tamén máis concellos, o que fai posible que o traballo sexa máis efectivo, xa que as avespas non entenden de límites xeográficos.

Dende o Concello de Carballo queren agradecer a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. O Servizo Municipal de Control de Pragas xa ten distribuídas tamén trampas por todas as zonas verdes, e, de feito, como podedes ver na imaxe, xa foron capturadas as primeiras.

En canto aos niños que poidan ir aparecendo, lembra que os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.