O Concello de Carballo realiza a comunicación de expropiación dos terreos da zona do Rego da Balsa

2 minutes read
  • O PP de Carballo denuncia a falta de transparencia do goberno local e esíxenlle diálogo, información e participación.
  • O propietario dun solar de cen metros cadrados en pleno centro cobraría por él 492 euros.

Este mércores foron postas a disposición dos dez propietarios dos terreos, nos que se pretende crear unha zona verde paralela ao Rego da Balsa, as comunicacións de expropiación forzosa e valoración das súas fincas polo procedemento de taxación conxunta a un prezo de 4,92 euros o metro cadrado, en virtude da resolución da Alcaldía de data 13/10/2025. Os propietarios xa poden formular cantas alegacións e reclamacións consideren oportunas tanto con respecto ao expediente expropiatorio como á fixación do prezo xusto, no prazo dun mes contado a partir da data da notificación.

En situación similar están os propietarios das fincas afectadas para a futura cidade deportiva municipal na Agra da Lagoa

Os veciños lembran que presentaron alegacións durante o período de información pública —13 de forma conxunta e outras cinco individuais— nas que cuestionaban a necesidade real da actuación, así como a ausencia de estudos de impacto acústico e de mobilidade, a falta dunha análise económico-financeira e a afección a terreos clasificados como solo rústico de especial protección agropecuaria. Ningunha destas alegacións foi aceptada polo Concello, salvo unha cuestión menor relativa ao uso temporal das fincas ata a ocupación efectiva.

O Partido Popular de Carballo mantivo un encontro cos veciños afectados, os propietarios trasladaron a súa profunda preocupación por un proxecto que, segundo explican, compromete o seu modo de vida e afecta directamente a leiras destinadas ao autoconsumo.

O portavoz dos populares, Rubén Lorenzo, apunta que “desde o PP de Carballo consideramos especialmente grave que todo este proceso se estea levando a cabo sen contar en ningún momento cos grupos da oposición, a pesar de que representamos a milleiros de carballeses. O alcalde delegou as competencias urbanísticas na Xunta de Goberno Local, un órgano ao que só asisten os membros do goberno (BNG), o que impide calquera participación, supervisión ou achega por parte do resto de forzas políticas”. Isto significa que o plan chegará ao Pleno unicamente para a súa aprobación definitiva, sen que a oposición tivese acceso real ao debate nin á toma de decisións desde o inicio.