O Concello de Carballo reforza a chamada á cidadanía para facer un uso responsable da auga

3 minutes read

O Concello fai esta chamada tras a activación da situación de alerta por escaseza na conca do río Anllóns, nun momento do ano no que á redución dos recursos hídricos se suma o incremento estacional da demanda, especialmente nas zonas costeiras.

O Concello xa viña adoptando medidas de aforro desde principios de xullo, cando se activou a prealerta por escaseza. Desde entón suspendéronse os baldeos, cortouse o subministro ás fontes ornamentais, reduciuse a frecuencia dos regos, estase priorizando o uso de plantas con pouca demanda de auga nos parques e xardíns e mantense unha vixilancia constante dos consumos tanto nas instalacións municipais como na rede de distribución.

A evolución da situación hidrolóxica e o paso de prealerta a alerta fan necesario manter e intensificar estas medidas. “Temos que ser moi conscientes de que a auga é un recurso limitado e de que cada pequeno xesto conta. O Concello está reducindo os seus consumos, pero necesitamos tamén a colaboración de toda a veciñanza para atravesar esta situación nas mellores condicións posibles”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Vales.

Forte estacionalidade do consumo na costa

Os datos recompilados pola empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua, permiten analizar a evolución do consumo durante as últimas semanas. Entre o 14 de xullo e o 17 de agosto tratáronse nas ETAP de Queo e Carral un total de 233.954 metros cúbicos de auga, mentres que o volume distribuído ascendeu a 231.810 metros cúbicos, cunha media duns 6.600 m³ diarios.

Os rexistros diarios non amosan neste período unha tendencia sostida ao incremento do consumo e, de feito, na semana do 11 ao 17 de agosto a media situouse lixeiramente por baixo das semanas anteriores, un dato ao que, sen dúbida, contribúe a concienciación veciñal con respecto á necesidade de adoptar medidas de aforro.

Porén, os datos históricos evidencian unha forte variación estacional nas zonas costeiras. En Razo, Baldaio e Pedra do Sal, zonas conectadas á rede municipal, o consumo facturado pasou de 5.598 m³ no primeiro trimestre de 2025 a 17.457 m³ no terceiro trimestre, coincidindo coa temporada estival. Isto significa que o consumo do terceiro trimestre foi máis de tres veces superior ao do primeiro, cun incremento do 211,8 %.

No conxunto do termo municipal, pola contra, o consumo pasou de 391.678 m³ no primeiro trimestre de 2025 a 430.165 m³ no terceiro, o que supón un incremento do 9,8 %.

Os datos poñen de manifesto, deste xeito, que a maior presión estacional se concentra na costa, onde a poboación aumenta de maneira moi significativa durante o verán pola presenza de visitantes e segundas residencias. Ademais, unha parte importante da franxa costeira —como Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela— aínda non dispón actualmente de abastecemento municipal, polo que estes rexistros non reflicten a totalidade da demanda de auga da costa carballesa.

“No resto do concello o consumo é moito máis estable, pero nas zonas costeiras conectadas á rede triplícase durante o verán. Esa presión adicional coincide precisamente cos meses nos que os ríos levan menos caudal, e por iso é especialmente importante extremar o aforro”, explica Miguel Vales.

Medidas tamén na rede municipal

O Concello mantén tamén un seguimento do funcionamento da rede de abastecemento. O rendemento hidráulico foi do 75,61 % no ano 2025, ascendeu ao 77,50 % no primeiro trimestre de 2026 e situouse no 76,34 % no segundo trimestre, por riba da media do ano pasado.

O Concello está a realizar un seguimento permanente da evolución do consumo e da situación da conca do Anllóns e adaptará as medidas municipais ás indicacións que se vaian establecendo en función da evolución da alerta.

“Non estamos diante dun problema de abastecemento inmediato, senón dunha situación que nos obriga a anticiparnos e a protexer o recurso. Canto máis consigamos reducir agora os consumos prescindibles, máis capacidade teremos para afrontar as próximas semanas”, conclúe Miguel Vales.