Os técnicos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables. Así o establece o convenio asinado entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da localidade, Margarita Lamela. A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Cee en materia enerxética.
Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais. Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.
González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é «utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar aos concellos a aforrar na súa factura eléctrica», un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón unha das maiores partida do seu gasto corrente.