O Concello de Malpica licita a rehabilitación do Parque e do Campo da Festa de Santirso

2 minutes read
  • A actuación, cun orzamento de licitación de 49.997,54 euros, permitirá renovar os pavimentos e mellorar as condicións de uso e seguridade deste espazo de Vilanova.

O Concello de Malpica continúa avanzando na mellora e posta en valor dos espazos públicos das parroquias. Neste marco, xa se atopa en fase de licitación o proxecto de rehabilitación do Parque e do Campo da Festa de Santirso, na parroquia de Vilanova de Santirso.

A actuación conta cun orzamento de licitación de 49.997,54 euros e foi incluída na solicitude presentada polo Concello á convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia para a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais para o ano 2026.

O proxecto contempla unha renovación dos firmes e dos pavimentos existentes, coa retirada dos actuais pavimentos de celosía de formigón e de caucho e a instalación de novos pavimentos continuos de formigón e caucho, adaptados ao uso do espazo.

Entre as actuacións previstas tamén se inclúen a limpeza e restauración ou substitución de pequenos elementos, a recuperación de pezas de madeira mediante os tratamentos necesarios e a reubicación dos colectores existentes entre o parque e o camiño.

No caso das novas superficies, o proxecto prevé a colocación dun pavimento continuo de formigón con acabado de árido visto, así como un pavimento de caucho de absorción de impactos, con acabado en EPDM e a incorporación dun xogo pintado sobre o propio pavimento.


A intervención permitirá así renovar e mellorar un espazo de uso veciñal e festivo de Vilanova de Santirso, incrementando as súas condicións de seguridade, funcionalidade e confort e favorecendo o seu desfrute por parte da veciñanza.

Desde o Concello de Malpica saliéntase a importancia de continuar investindo na mellora dos espazos públicos das parroquias, dando resposta ás necesidades existentes e contribuíndo a que os núcleos rurais do municipio conten con equipamentos dignos, seguros e adecuados para o uso da veciñanza.