O Concello de Malpica licita as obras de mellora dos camiños de Pedrosa, en Leiloio, e de Pontella a Beo, en Vilanova

1 minutes read
  • A actuación, incluída nas axudas da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para “Actuacións en camiños rurais no período 2026-2027”, conta cun investimento total de 81.725,34 euros.

O Concello de Malpica de Bergantiños ten actualmente en fase de licitación as obras de mellora do camiño de Pedrosa, na parroquia de Leiloio, e do camiño que une Pontella con Beo, na parroquia de Vilanova.

As actuacións están incluídas nas axudas da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para “Actuacións en camiños rurais no período 2026-2027” e permitirán actuar sobre dous viais municipais que presentan un importante desgaste debido ao uso e ao tráfico.

O proxecto contempla a renovación dos firmes, sen modificación substancial do trazado dos camiños, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade e circulación para a veciñanza e para todas as persoas usuarias.

A actuación no camiño de Pedrosa conta cun orzamento de 24.284,19 euros, mentres que a correspondente ao camiño desde Pontella a Beo ascende a 32.473,46 euros.

O orzamento de licitación das obras é de 81.725,34 euros, IVE incluído, e o prazo previsto para a execución dos traballos é de tres meses.

Unha vez finalizado o procedemento de licitación e adxudicadas as obras, procederase á súa execución, dando así continuidade ao compromiso do Concello coa mellora e conservación da rede viaria municipal e, especialmente, dos camiños do rural.


Desde o Concello de Malpica saliéntase a importancia destas actuacións para mellorar as comunicacións e facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza, ao tempo que se continúa avanzando na renovación das infraestruturas municipais e na mellora da calidade de vida nos diferentes núcleos do municipio.