O Concello de Malpica promove o Cancioneiro de Buño

1 minutes read
  • O volume, formado por 84 cantigas, presentarase nos próximos días na Mostra da Olaría e na Feira do Libro da Coruña.

O Concello de Malpica de Bergantiños, a través da Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, promove o rescate e divulgación do Cancioneiro de Buño. Nos próximos días publicarase na Mostra da Olaría e na Feira do Libro da Coruña.

O miolo deste volume de poesía de tradición oral está formado por 84 cantigas recollidas por volta de 1910 a Dolores Cancela Pérez (Dolores de Margarita), unha adolescente que vivía no barrio do Forno Novo. Despois publicáronse no Boletín de la Real Academia Galega, na sección Cantares populares de Galicia.

Estes cantares, nos que se observan todas as características temáticas e estilísticas da lírica tradicional, supuxeron no seu momento a máis antiga recollida histórica de literatura popular nas terras de Malpica de Bergantiños. É, polo tanto, un feito cultural que sobrepasa o século de vida.

O volume ilústrase con fotografías de Antonio Fernández de todos os oleiros de Buño que permanecen activos, tendas de olaría e o proceso de elaboración dunha chocolateira. Con esta simbiose quixéronse mesturar dúas manifestacións creativas da localidade buñesa. Ademais conta cun prólogo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. A edición literaria correu a cargo do filólogo malpicán Xosé Manuel Varela. Publícao Edicións Embora e distribuirase por todas as librarías do país. Tamén se poderá adquirir nas tendas de olaría de Buño.