Restablecido o abastecemento de auga potable en Muxía a pesar de non coñecer a orixe das bacterias

PIXABAY

  • O Goberno local procedeu ao corte de auga inmediato na mañá do venres para evitar que máis persoas enfermaran

Actualización. O abastecemento de auga potable municipal quedou restablecido durante a madrugada do sábado. Polo de agora aínda «non se sabe con certeza a orixe desta problématica», destacan desde o Concello, pero aseguran que «unha vez se conte cos datos definitivos, faranse públicos».

Antecedentes. Finalmente si que hai bacterias na auga municipal de Muxía cuns «valores non axeitados para o consumo directo pero si para a súa utilizacion no aseo personal e similares, sen coñecer a súa orixe nestos momentos». Así o manifestou o rexedor da localidade, Iago Toba, pouco antes das doce da mañá deste venres e tras coñecer os resultados realizados pola empresa Biocontrol y Calidad Alimentaria S.L.

Desde o Concello comunican que queda prohibido o consumo de auga do abastecemento municipal e que «se procederá, baixo a supervisión da empresa especializada en estos eidos, ao vaciado de todos os depósitos, limpeza e desinfección cos protocolos que marcan estes procesos». Deste xeito córtase a auga «sabendo as molestias que pode ocasionar» pero tamén como principal medida de protección ata que «teñamos valores óptimos para o consumo», sinala o alcalde.

Durante as próximas horas procederase ao abastecemento de auga embotellada para garantir á veciñanza o seu consumo. Esta actuación, en coordinación con diferentes empresas, será comunicada polo propio Concello, que ademais continúa valorando a situación co apoio da Consellería de Sanidade.

Estas bacterias estarían causando un malestar con síntomas moi similares aos dunha gastroenterite (diarrea e vómitos, principalmente) a decenas de veciños de Muxía que, segundo as últimas estimacións, rondarían os 50 afectados. Nos últimos días tanto o propio centro de saúde como o hospital Virxe da Xunqueira de Cee recibiron chamadas e pacientes con estas molestias, polo que desde o Goberno local decidiron analizar a auga da traída xa que nun primeiro momento todo apuntaba á mesma como principal causante deste problema de saúde.