O Concello de Ponteceso abrirá ao tráfico o vindeiro luns a pista que comunica os núcleos de Brantuas de Arriba e Brantuas de Abaixo, unha vez finalizadas as obras de acondicionamento e mellora da vía, que supuxeron un investimento próximo aos 100.000 euros.
A actuación permite mellorar de maneira significativa as condicións de circulación e seguridade nesta conexión, dando resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas destes núcleos.
“A vindeira semana farase realidade unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Brantuas. Esta actuación mellora a conexión entre os dous núcleos e permitirá realizar os desprazamentos en mellores condicións de comodidade e seguridade”, destacou o alcalde, José Manuel Mato.
Os traballos executados incluíron a ampliación da sección da vía e a mellora integral da súa plataforma. En concreto, leváronse a cabo labores de roza e limpeza da vexetación, a escarificación completa do firme, a aplicación de dúas capas de pavimentación e a execución de cunetas de zahorra en ambas as marxes do camiño.
Con esta actuación, o Goberno local continúa avanzando na mellora da rede municipal de estradas e camiños, contribuíndo a mellorar as conexións entre os núcleos de poboación e as condicións de mobilidade e seguridade viaria no rural.