Iniciou esta semana as obras cunha actuación que permitirá renovar tanto a rede de saneamento de pluviais como o firme da vía, dando resposta ás necesidades detectadas nesa zona.
Os traballos contemplan a substitución e mellora da canalización de augas pluviais, co obxectivo de optimizar a evacuación da auga e evitar problemas derivados da acumulación en episodios de choiva intensa. Paralelamente, executarase a reposición integral do firme, garantindo unha maior seguridade e durabilidade da infraestrutura viaria.
O alcalde, José Manuel Mato, sinalou que esta intervención forma parte da planificación municipal orientada á modernización progresiva das infraestruturas locais. “O noso obxectivo é seguir avanzando na mellora da rede viaria e dos servizos básicos, actuando de maneira planificada e responsable en distintos puntos do municipio”, destacou.
Mato apuntou ademais que “estas obras non só melloran o estado da vía, senón que contribúen directamente á calidade de vida da veciñanza, reforzando a seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade dos espazos públicos”.
Dende o goberno local incídese en que este tipo de actuacións responden ao compromiso adquirido coa cidadanía de continuar investindo na conservación e actualización das infraestruturas municipais, garantindo servizos públicos de calidade e un desenvolvemento equilibrado en todas as parroquias.
O Concello solicita comprensión á veciñanza polas posibles molestias temporais derivadas da execución das obras, que permitirán contar cunha rúa renovada e máis preparada para o futuro.