A concelleira de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, visitou durante a mañá deste venres a carpa informativa que o Concello de Santiago instalou na praza do Toural con motivo da celebración do Día europeo contra a trata e que ten como obxectivo fundamental concienciar á cidadanía arredor dun problema que afecta a máis de 24.000.000 de persoas en todo o mundo.
A carpa estará instalada de 10.00 a 20.00 horas e dende ela convidarase a homes, mulleres, nenos e nenas a prender unha etiqueta na roupa, simulando ser un produto que pode ser vendido por uns, e adquiridos por outros. Hai varias etiquetas con distintas mensaxes, denunciando en que consiste a trata de persoas.
Na carpa tamén se informa sobre o que se está facendo desde o Concello a través do CIM, o Centro de Información á Muller, no que se atende a familias, mulleres e nenos. Segundo as cifras ofrecidas polo Servizo de Igualdade municipal, o ano pasado, a través dun convenio do Concello con Cáritas-Vagalume, atendéronse 51 mulleres vítimas de explotación sexual, a maioría entre 25 e 30 anos.