O Concello de Santiago oferta 4.000 novas prazas de formación online

1 minutes read
  • O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende este martes e ata esgotar as prazas

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a nova oferta de formación online, deseñada polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20, co obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Son un total de 4.000 novas prazas, que se suman ás 1.500 lanzadas hai un mes, cubertas practicamente na súa totalidade. O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende este martes e ata esgotar as prazas.

Esta convocatoria conta dúas importantes novidades. A primeira, a formación mobile learning, cunha serie de cursos, que suman 3.200 prazas, optimizados para facelos 100% dende o móbil e que teñen como obxectivo facilitar o acceso de máis persoas as actividades formativas. E a segunda, unha acción formativa sobre COVID-19, coñecementos que, presumiblemente, cada vez serán máis demandados en distintos sectores económicos, entre eles a hostalería e o comercio.

As distintas accións formativas, centradas nas tendencias profesionais máis demandadas do mercado laboral, divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: «Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita», «Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal» e «Competencias profesionais, é momento de reinventarse». Durante a comparecencia, o alcalde destacou «a aposta sen precedentes por potenciar o talento e a recalificación profesional online para combater as secuelas da COVID-19, despois do éxito da anterior convocatoria formativa». Na presentación tamén participou Javier Ferreiro, técnico responsable da área de Emprego.