O Concello de Vigo abre este mércores a exposición pública do novo Plan Xeral

1 minutes read

Vigo continúa dando pasos cara a aprobación definitiva do seu novo planeamento urbanístico. O alcalde, Abel Caballero, anunciou este venres o inicio da exposición pública, tres meses nos que a cidadanía pode consultar o documento e, de consideralo, presentar as súas alegacións. O anuncio de aprobación inicial do novo Plan Xeral foi remitido xa para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e este luns sairá publicado nos xornais.

Na práctica, explicou Caballero, este trámite significa a apertura efectiva do prazo de información pública, que se amplía a tres meses (o estipulado legalmente son dous) a contar desde este mércores, 13 de outubro. “Queremos que se faga sen présas, con sosego e que todo o mundo poida acudir no prazo de tres meses”, argumentou o alcalde.

Ademais de poder consultalo na web municipal, o goberno de Vigo habilitou un espazo físico no baixo do auditorio Mar de Vigo -próximo ao lugar de venda de entradas- no que consultar o Plan. Aberto de luns a venres en horario de mañá, de 9 a 14 horas.