O Concello de Vimianzo busca solventar a problemática coa fibra no rural

1 minutes read
  • Polo momento, xa hai unha listaxe de 71 núcleos nos que o Estado xa subvenciona a cobertura deste servizo

O Goberno de Vimianzo continúa traballando para solventar a problemática coa fibra no rural. A alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, xa solicitara como vogal da FEGAMP mediar entre a administración local e autonómica para darlle traza á problemática da cobertura de Internet no municipio.

Unha das principais eivas que se presentan é a diferenza entre os núcleos que están contemplados na listaxe do INE (107) e os 133 que aparecen no Nomenclátor, polo que os 26 restantes non figuran de cara a ser beneficiarios das axudas, punto que está a estudar Vimianzo con especial detemento.

O Estado xa aporta axudas para un total de 71 núcleos, e a Xunta de Galicia aportou as contías para dotar de fibra aos núcleos de Baíñas, Outeiro, Carantoña, Mouzo e Montecelos. Desde a administración local levan semanas tratando de adoptar solucións para solventar un tema que se antolla ‘imprescindible para moitísimas e moitísimos veciños e veciñas’, aportan desde o consistorio vimiancés.

A alcaldesa de Vimianzo tamén anunciou que ‘elaboramos un formulario web para consultar coa xente as necesidades reais ao respecto da instalación de banda larga e fibra nos domicilios aos que todavía non chega’. Esta actuación permite acotar ‘dunha maneira clara e precisa a demanda real que temos en Vimianzo, para poder trasladar tamén en cifras o que é unha realidade: necesitamos un protocolo claro para poder definir e solucionar este tema. O contexto actual derivará en moito máis teletraballo, e hai moitas e moitos veciños que non poden agardar’, sentencia a rexedora.