O Concello de Zas abre o prazo de inscrición da IX Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”

Trátase dunha cita cultural xa consolidada no calendario cultural do municipio que busca impulsar a creación escénica e dar visibilidade ao teatro afeccionado en lingua galega.
As compañías interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 20 de abril, tal e como recollen as bases da convocatoria aprobadas polo Concello.
A programación desenvolverase durante cinco sábados consecutivos, os días 23 e 30 de maio e 6, 13 e 20 de xuño de 2026, con representacións que se repartirán entre o Auditorio de Zas e o Auditorio do Centro Sociocultural de Baio. A Mostra pecharase o 27 de xuño cun acto de entrega de distincións.

Nesta novena edición introdúcese unha das principais novidades da convocatoria: as compañías seleccionadas recibirán un cache de 800 euros por representación.
Ademais, o Concello asumirá unha axuda para gastos de transporte, calculada desde a sede social da compañía ata o lugar da representación.
A Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” naceu co obxectivo de fomentar a creación cultural no ámbito das artes escénicas e apoiar o teatro amador, ao tempo que promove a difusión do teatro en galego. Ao longo das súas distintas edicións, o certame consolidouse como un espazo de encontro para compañías de diferentes puntos de Galicia, favorecendo o intercambio cultural e contribuíndo á dinamización da actividade teatral.
Poderán participar nesta convocatoria todas as compañías ou grupos galegos de teatro afeccionado legalmente constituídos que presenten propostas teatrais en lingua galega. Cada grupo poderá presentar varias obras, aínda que só poderá ser
seleccionada unha.
A selección das obras participantes realizarase mediante un procedemento de avaliación artística, no que se terán en conta aspectos como a calidade global da proposta, a interpretación e a dirección escénica, a coherencia da posta en escena, a adecuación ao carácter da Mostra ou a viabilidade técnica da representación. O proceso contará cun xurado encargado de escoller os espectáculos que formarán parte da programación desta novena edición, composto por un técnico da área de Cultura e Deportes do Concello de Zas, o Concelleiro de Cultura a Concelleira de Educación, e catro membros do grupo de
teatro Badius, Ricardo Vigueret, Alberto Villar, Pablo Soto e Lourdes Vidal.
Ao remate da Mostra entregaranse varias distincións honoríficas, sen contía económica, que recoñecerán o traballo das compañías participantes. En concreto, outorgaranse premios á mellor obra, segunda mellor obra, terceira mellor obra, cuarta mellor obra e quinta mellor obra, así como ás interpretacións de mellor actor e mellor actriz.
Ademais, o público tamén terá voz na Mostra. Ao finalizar cada representación, as persoas asistentes poderán valorar o espectáculo mediante un sistema de votación, do que sairá a distinción á mellor obra elixida polo público, correspondente á proposta que acade a puntuación media máis alta.
As bases completas da convocatoria e toda a información relativa ao proceso de inscrición poden consultarse no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas (https://sede.concellodezas.gal/sxc/gl).
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “confiamos que esta novena edición da Mostra Teatro Afeccionado volva a ter unha gran acollida, seguindo a estela do ano pasado, con obras de teatro presentadas de toda a comunidade. Esta cita xa está consolidada como un referente cultural e reforza o noso concello como o centro do teatro amador da Costa da Morte, dinamiza o noso tecido comercial e proxecta a imaxe do noso concello por toda Galicia”.

Related posts

Asinado o convenio para a xestión das visitas e actividades culturais nas Torres do Allo de Zas durante 2026

Iago Bello Subcampión Galego Sub 16 de Trail Running Preclassic

O Concello de Carballo avanza na mellora das infraestruturas hidráulicas en Rus