O Concello de Zas impulsa o comercio local e a cultura coa celebración da Feira das Letras

2 minutes read

O Concello de Zas, en colaboración coa Asociación BaiOn, organiza a Feira das Letras, que se celebrará do venres 8 ao domingo 10 de maio cun dobre obxectivo; impulsar o comercio local e fomentar a cultura entre a veciñanza.

Durante estas tres xornadas, os establecementos adheridos ofrecerán descontos de ata o 20% en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Ademais, haberá unha ruta de tapas de 12:00 a 16:00 e de 19:00 a 23:00 horas, reforzando a dinamización económica e social do municipio.

Promo do evento.

A Feira das Letras tamén contará cunha variada programación de actividades, que terán lugar o sábado e o domingo na praza Jorge Mira, agás as charangas e pasarrúas, que serán itinerantes polas rúas.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, subliñou que “a Feira das Letras nace coa vontade de apoiar o noso tecido comercial ao tempo que promovemos a cultura como piar fundamental da sociedade”. Ademais, destacou que “é unha iniciativa pensada para todos os públicos, que combina lecer, cultura e dinamización económica, convertendo Zas nun punto de encontro durante toda a fin de semana”.

Programación da fin de semana

O sábado 9 de maio dará comezo a actividade coa apertura da carpa da Feira das Letras ás 11:30 horas. Ás 12:00 terá lugar a presentación do libro ‘Begoña Caamaño’, de Icía Varela, Xosé Manuel Varela e Nerea Gómez. Pola tarde, de 16:30 a 20:30 horas, haberá actividades infantís con rocódromo, tirolina e inchables. Ás 18:00 horas animará as rúas a Charanga Os Celtas, mentres que ás 20:00 horas será a presentación do libro ‘Gorrións e Falcóns’, de Carmen Blanco Sanjurjo. A xornada pecharase ás 21:00 coa proxección da película ‘San Simón’, finalista dos premios Mestre Mateo.

O domingo 10 de maio a programación iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da carpa. Ás 12:00 terá lugar un pasarrúas con Churía e AC Adro, así como un encontro sobre memoria histórica titulado ‘Represión e franquismo na Costa da Morte’, no que participarán Luis Lamela e Josefa Suárez, moderado polo alcalde de Zas. A continuación, ás 13:00 horas, o Mago Antón ofrecerá o espectáculo ‘Mil Maxias Máis’. Pola tarde repetirase a oferta de actividades infantís e haberá novos pases do Mago Antón, así como a animación da charanga Os Atrevidos. Ás 18:00 horas presentarase o libro infantil e xuvenil ‘O mapa da túa sexualidade’, de Laura Veiga.