O Concello de Zas vén de poñer en marcha un Directorio Empresarial dentro da renovada páxina web municipal, unha iniciativa estratéxica que ten como obxectivo reforzar a visibilidade, accesibilidade e promoción do tecido económico local.
Esta acción forma parte do proceso de renovación integral da web municipal, no que o Concello realizou un importante esforzo económico e técnico para converter este espazo dixital nunha ferramenta útil, moderna e dinámica, tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan o municipio.
O novo Directorio Empresarial nace como un escaparate dixital ao servizo dos comercios, empresas, profesionais e entidades que desenvolven a súa actividade en Zas, permitindo que cada establecemento conte cun espazo propio no que amosar a súa información básica: descrición do negocio, datos de contacto, enderezo e imaxes. Deste xeito, facilítase que a cidadanía e as persoas visitantes poidan coñecer de maneira sinxela os servizos e produtos dispoñibles no concello.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia desta iniciativa sinalando que “os negocios locais son unha parte esencial da nosa identidade e da nosa economía, e merecen ter un espazo destacado na web municipal”. Ademais, subliñou que “este directorio é unha ferramenta pensada para apoiar ao comercio e ás empresas de Zas, mellorar a súa visibilidade e achegalas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan”.
Muíño incidiu tamén en que “a nova web municipal non estaría completa sen a participación activa do tecido empresarial, porque queremos que sexa un verdadeiro punto de encontro entre a cidadanía, o territorio e a actividade económica”.
Todas as empresas, comercios e profesionais do municipio poden sumarse gratuitamente a este Directorio Empresarial na seguinte ligazón: https://forms.gle/35W4b1DAnYLNCJj28