O Concello de Zas inaugurará este luns en Baio a mostra ‘Aires da Terra’, da pintora de Coristanco Isabel Soutullo

1 minutes read

Este luns 30 de marzo o Concello de Zas inaugurará a mostra ‘Aires da Terra’, da pintora de Coristanco Isabel Soutullo. A cita será no Centro Sociocultural de Baio. A exposición poderase visitar de xeito gratuíto ata o próximo 30 de abril.

A presentación será a partir das 18:00 horas e contará coa intervención do alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño, e da propia artista, Isabel Soutullo.

A mostra poderá visitarse de martes a venres en horario de 15:30 a 20:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes unha nova oportunidade para achegarse á creación artística contemporánea.

Nada en Coristanco, Isabel Soutullo destaca polo seu talento á hora de abordar cuestións de conciencia social e ambiental a través da súa obra. Os seus cadros constrúen un delicado equilibrio entre o figurativo e o abstracto, convidando ao espectador a mergullarse nun espazo onde emocións e ideas se entrelazan. A artista conta cunha ampla traxectoria expositiva, desenvolvida principalmente na provincia da Coruña e, moi especialmente, na Costa da Morte, onde ten presentado o seu traballo en numerosos espazos culturais e institucionais. Ademais, forma parte do colectivo Galeoska.

Esta nova proposta colle o relevo da exposición ‘Galicia en Luz e Cor: Unha viaxe visual polos seus mares, cidades e rostros’ do Grupo Lucet, que se poderá visitar ata o sábado 28 de marzo e que foi inaugurada o pasado mes de febreiro.