O Concello de Zas recupera a totalidade do Camiño Real, antiga calzada romana de Brandomil

3 minutes read

O Concello de Zas rematou as obras de consolidación e posta en valor do Camiño Real, antiga calzada romana de Brandomil, nunha intervención que permite visitar xa na súa totalidade o tramo recuperado e, ao mesmo tempo, reforza a súa conservación a longo prazo.

A actuación, desenvolvida no denominado Camiño da Ponte Vella, permitiu recuperar 83,81 metros da vía histórica, cunha superficie de 374,86 metros cadrados. Os traballos centráronse na consolidación do lousado e dos laterais do Camiño, na mellora da drenaxe e na recuperación de distintos elementos da estrutura orixinal.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca que “o máis importante desta actuación é que non só conseguimos recuperar unha calzada cun aspecto moi bonito e facer posible que se poida visitar na súa totalidade, senón que estamos garantindo que este patrimonio se conserve ben para as xeracións futuras”.

Unha intervención centrada na conservación

Os traballos incluíron a limpeza e mellora das cunetas, a reparación das beiras do Camiño Real, a recuperación dos bueiros e a consolidación do lousado, así como a retirada de materiais alleos á estrutura histórica. A intervención realizouse seguindo criterios de mínima intervención, reversibilidade e emprego de materiais compatibles cos orixinais, evitando reconstruír aquelas partes nas que non existía información suficiente sobre a súa configuración.

Ademais, a actuación tamén permitiu coñecer mellor a propia estrutura do camiño. Durante a intervención documentáronse diferentes sistemas de preparación do terreo baixo o lousado e distintos materiais pétreos empregados na súa construción. Nalgúns puntos identificáronse capas de area, arxila, gravas e pedra miúda que permiten afondar no coñecemento das técnicas construtivas empregadas na vía.

Segundo explica o alcalde, esta actuación debe entenderse como parte dun proceso máis amplo de recuperación e divulgación do patrimonio de Brandomil. “Brandomil ten un patrimonio excepcional e cada intervención permítenos coñecelo mellor”, sinala o rexedor, que engade que “o Camiño Real, a Ponte Vella e os xacementos de Brandomil e Pedra do Altar forman un conxunto de enorme valor histórico e arqueolóxico que queremos seguir recuperando, protexendo e divulgando”.

Un dos grandes espazos arqueolóxicos romanos da provincia

A recuperación do Camiño Real supón un novo paso na posta en valor dun espazo de especial relevancia arqueolóxica, no que conflúen diferentes elementos de época romana, medieval e posterior. Na contorna da Ponte Vella atópanse o Xacemento Romano-Medieval e Necrópole de Brandomil, o Castro de Brandomil e a propia Ponte, mentres que en 2025 se incorporou ao catálogo o xacemento de Pedra do Altar, situado ao oeste da localidade.

Este patrimonio converte Brandomil nun dos principais espazos arqueolóxicos romanos da provincia da Coruña, cun especial interese para o estudo das vías de comunicación e do asentamento romano neste territorio. As distintas intervencións realizadas nos últimos anos permitiron ir ampliando o coñecemento sobre a dimensión histórica e arqueolóxica do lugar.

A intervención no Camiño Real complétase coa actuación que o Concello de Zas está a desenvolver no antigo lavadoiro situado antes da Pedra do Altar. O elemento, que presentaba unha configuración baseada no cemento e na uralita, está a ser restaurado cunha nova solución en madeira e tella, máis acorde co carácter tradicional do lavadoiro e coa contorna natural e arqueolóxica na que se atopa.