O Concello reactivará o comercio local coa terceira edición de «Eu merco na Laracha»

Co obxectivo de dinamizar a economía local mediante o apoio tanto ao sector comercial como á veciñanza en xeral, o Concello promove por terceiro ano consecutivo o programa Eu merco na Laracha, ao que destina unha partida orzamentaria inicial de 40.000 euros.

A través desta iniciativa volveranse poñer a disposición dos cidadáns un total de 1.333 chequeiras de bonos por un valor de 30 euros cada unha para utilizar como descontos nas súas compras nos sectores comerciais, hostaleiros, culturais, educativos, taxis, salóns de peiteado e outros tratamentos do municipio adheridos ao programa. Deste xeito o Concello subvencionará as compras co múltiplo propósito de fortalecer os negocios locais, aliviar o gastos das familias e fomentar o consumo de proximidade.

No acto de presentación do programa o alcalde, José Manuel López Varela, incidiu en que as finalidades esenciais de Eu merco na Laracha son “reforzar as vendas no comercio local e animar aos veciños a que compren na Laracha coas bonificacións que se ofrecen desde o Concello”.

A concelleira de Promoción Económica, Rocío López, adiantou que terán a oportunidade de acceder aos bonos “todas as persoas empadroadas na Laracha maiores de 18 anos de idade”. Tamén apuntou que o sistema de emprego dos bonos será idéntico ao das dúas edicións anteriores. Cada unha das 1.333 chequeiras conterá tres bonos de dez euros para descontar por gastos de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres). Nos próximos días publicaranse as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), nas que quedarán regulados aspectos como que comercios, establecementos e negocios poderán adherirse, os requisitos que deben cumprir os beneficiarios e os prazos establecidos. Ana Carmen Jiménez, axente de emprego e desenvolvemento local, avanzou as datas chave para a inscrición tanto de locais como de veciños, que concluirá o 23 de maio, e que o uso dos bonos deberá facerse ao longo de todo o mes de xuño. Tamén informou de que en caso de existir máis solicitudes que os 1.333 bonos dispoñibles, realizaríase un sorteo para outorgalos.

Eu merco na Laracha ten unha páxina web propia (https://eumerconalaracha.alaracha.gal) na que se ofrecerá información puntual e precisa sobre o programa e permitirá realizar todos os trámites en liña dun xeito rápido e sinxelo.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte