O conflito de Vitrasa continúa: os traballadores votan continuar en folga

2 minutes read

Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do autobús urbano en Vigo, tombaron na Asemblea que se celebrou este venres o acordo ao que chegaran os sindicatos e a empresa o xoves para suspender a folga indefinida durante un mínimo de tres semanas a cambio dunha subida salarial do 2,5% e de continuar coa negociación do convenio.

Os traballadores dixeron que non. 50 días de folga indefinida e máis de dous anos de conflito e mobilizacións non fan decaer as forzas do cadro de persoal, que considera “insuficiente” o preacordo acadado entre sindicatos e empresa este xoves pasado, logo de nove horas de reunión, e votou por unha ampla maioría continuar coa folga do autobús de Vigo. En total foron 33 os votos a favor de desconvocar as mobilizacións fronte aos 173 que dixeron “non” aos termos do preacordo, que incluían por vez primeira unha suba salarial, aínda que moi inferior á solicitada desde o comité de empresa.

A empresa destacaba o “grande esforzo” realizado ao ofrecer aos traballadores unha subida inicial do 2,5% dende xaneiro de 2023 “na situación de perdas que se encontra e sen que condicionase en nada o novo convenio que seguiría negociándose que foi firmada sen excepción por todo o Comité sen poñer ningunha condición”. Porén, lamenta Vitrasa, nas asembleas celebrada este venres “encontramos que a posición do Comité é totalmente contraria a amosada onte na reunión coa empresa. Este exercicio de irresponsabilidade desacredita ao Comité para seguir negociando un acordo que poña fin a esta situación de conflito”.

A suba salarial ofertada pola empresa resulta de todo insuficiente para a meirande parte do cadro de persoal que, segundo explican desde o comité, considera que aceptala sería “venderse” logo de todo o esforzo realizado. Arnoso detalla que a petición sindical, a nivel económico, é moi sinxela e consiste en recuperar o IPC desde 2020, data na que caducou o convenio e deixaron de actualizarse os salarios. Só en 2023 o IPC situouse no 3,1% e os anos anteriores foi máis elevado. “Nós pedimos actualizar os salarios na medida en que subiu o IPC, que foi en total un 16% desde 2020”, subliña o presidente do comité de empresa.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?