O conselleiro de Cultura visitou o castro de Montes Claros, na Laracha, cunha achega de 17.800€

1 minutes read
  • A partida abrangue intervencións directas de acondicionamento e mantemento en xacementos e outras tarefas de estudo, documentación e divulgación dos bens.

Durante a visita ao xacemento, López Campos reiterou que un dos obxectivos fundamentais da Xunta con esta planificación de actuacións é, ademais da conservación, “a posta en valor destes bens patrimoniais e a apertura á poboación para o seu coñecemento, así como a investigación, que sempre nos permite continuar a facer achados de gran relevancia para a nosa historia”.

Neste senso, en Montes Claros estanse a levar a cabo traballos de escavación con metodoloxía arqueolóxica cara a zona do torreón para ampliar estruturas. A isto, únenselle labores de conservación, musealización e consolidación da superficie escavada coa finalidade de facilitar a visita pública. Ademais, a campaña contempla o estudo e preservación dos materiais arqueolóxicos recuperados e accións como visitas e charlas que teñen que ver coa súa divulgación cara a cidadanía.

Con esta intervención continúa o programa de recuperación e posta en valor do castro, promovido polo concello da Laracha desde o 2017, cando se iniciaron os primeiros traballos de limpeza da vexetación para converter o espazo nun referente cultural para a zona. Un obxectivo que continuou con diversas campañas para visibilizar o conxunto de estruturas que compoñen o poboado, a última delas o ano pasado, tamén apoiada pola Xunta, cando se realizaron novas escavacións que afondaron no coñecemento do ben.