O conselleiro de Educación supervisou as obras do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba

1 minutes read

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este sábado o Colexio Plurilingüe Barrié de la Maza, en Santa Comba, para supervisar as obras de rehabilitación integral, nas que o Goberno galego está a investir máis de 1,3 M€.

A intervención no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza está en execución e a previsión é rematar os traballos en verán. O obxectivo da intervención, tal e como sinalou o conselleiro, é mellorar a eficiencia enerxética do centro e, como consecuencia, o confort térmico da comunidade educativa.

Para iso, o programa da actuación inclúe o cambio de 2033 m² de cuberta por unha nova de panel sándwich de 30 mm. de espesor. Tamén se mudan os canlóns e as baixantes e instálase sobre o forxado baixo-cuberta illamento de la de roca de 10 cm de espesor.

No que atinxe á envolvente, renóvase a carpintería exterior de todo o edificio, instalando sete novas portas e 111 fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica, vidros de dobre folla e persianas. Así mesmo, aplícase sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE sobre os 3.106 m² de fachadas. Con esta actuación acadarase un aforro enerxético medio do 42%.

A maiores, a intervención inclúe a colocación de falsos teitos para mellorar a acústica, a instalación de 571 luminarias led, a renovación da instalación eléctrica e o pintado do interior do colexio para conseguir un aspecto adecuado en todo o centro.