O conselleiro do Medio Rural explicou en Carballo os detalles do convenio para a xestión da biomasa

2 minutes read

Trátase da segunda das xuntanzas que mantivo o conselleiro do Medio Rural con veciños de parroquias priorizadas. A primeira delas celebrouse no concello ourensán de Boborás e nas vindeiras semanas está previsto que o conselleiro explique o convenio nun concello da provincia de Lugo e noutro de Pontevedra. Precisamente, o conselleiro mantivo un encontro cos veciños da parroquia carballesa de San Xoán, pois trátase dunha das catalogadas como tal. Neste sentido, José González insistiu na importancia de subscribirse a este convenio para incrementar a defensa e protección das aldeas fronte ao lume.

Alí, o conselleiro lembrou que o adecuado mantemento das parcelas situadas nas faixas secundarias, é dicir, aquelas próximas aos núcleos de poboación, é en primeiro lugar unha responsabilidade dos titulares dos terreos. Neste senso, José González explicou as obrigas que cada parte ten na limpeza das franxas secundarias e, insistiu, en que lle corresponde aos concellos a vixilancia desta obriga e, no seu caso, proceder ao seu cumprimento pola vía da execución subsidiaria.

Non obstante, e aínda sendo unha competencia municipal, a Xunta entende que debe colaborar porque é consciente que non todos os concellos teñen a capacidade para poder levar a cabo estas tarefas. Por iso, o departamento que dirixe José González vai achegar un total de 28,7 millóns de euros en catro anos (máis do 78% do orzamento total, que supera os 36 millóns) para desenvolver este convenio. En todo caso, a consellería actuará unicamente nas parroquias priorizadas -como esta de San Xoán-, xa que no resto do territorio os propietarios teñen que cumprir coas súas obrigas de xestionar adecuadamente a biomasa.

O titular de Medio Rural agradeceu unha vez máis aos concellos a súa implicación nestas tarefas e destacou que neste intre son case 200 os municipios que solicitaron adherirse a este acordo. Amosou, ademais, a súa confianza en que pronto sexan moitos máis.