O Consello Director de Compostela Rupestre reúnese en Santiago

1 minutes read

Á xuntanza do Consello Director de Compostela Rupestre celebrada no concello de Santiago acudiron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e representantes dos concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo, e Val do Dubra. Na reunión, incorporáronse ao proxecto representantes dos novos gobernos municipais e asumiu a presidencia rotatoria o tenente alcalde de Ames, David Santomil.

Este proxecto ten como obxectivo, entre outros, diversificar a oferta turística por medio do importante tesouro patrimonial rupestre deste territorio e achegar á veciñanza este legado de especial interese. Difundir, protexer e poñer en valor os petroglifos dos cinco concellos e outros elementos de grande valor é o fin deste proxecto que ten por diante uns anos fundamentais para a súa consolidación e deseño de futuro», sinalou o vicepresidente e responsábel das áreas de Patrimonio e Turismo, Xosé Regueira quen valorou tamén o compromiso e o traballo colaborativo dos cinco concellos implicados no proxecto Compostela Rupestre para o que a Deputación da Coruña destina 500.000 euros.

Na xuntanza presentouse a páxina web de Compostela Rupestre que suporá unha das principais ferramentas de difusión do parque e ofrecerá información e imaxes sobre o conxunto arqueolóxico, descrición dos petroglifos máis importantes e rutas para coñecer o patrimonio rupestre do territorio. A páxina, que estará operativa proximamente, inclúe máis de duascentas fotos e información histórica e práctica do conxunto patrimonial dos cinco concellos.