- Ampla participación veciñal na primeira xuntanza do mandato, que se prolongou durante dúas horas.
A desconfianza dos veciños e veciñas de Sísamo, que, como dixeron en repetidas ocasións, levan máis de 30 anos demandando a mellora da principal vía de acceso á parroquia, provocou un intenso e prolongado debate, que se estendeu a outras obras tamén.
O gran obxectivo do Consello Parroquial é a mellora da mobilidade con actuacións que van máis alá da travesía: pasos de peóns, lombos redutores da velocidade, arranxos de pistas, aglomerado de varios núcleos, beirarrúas, acondicionamento de camiños de zahorra e limpeza de cunetas foron as principais demandas presentadas.
A veciñanza foi moi crítica coa demora da obra de saneamento e abastecemento de auga nos lugares de Figueroa e Outeiro, que está adxudicada e pendente de iniciar. A maiores quere que se leve a rede de auga tamén a Ramil e O Espiño. Así mesmo, urxiron ao Concello a rematar o acondicionamento do terreo para aparcadoiro adquirido meses atrás.
Outra das grandes preocupacións do Consello Parroquial de Sísamo é o local social, que aseguran que resulta insuficiente para a actividade que se desenvolve nel. Por unha banda estase a estudar unha posible ampliación, pero tamén existe a posibilidade de buscar un emprazamento alternativo para a construción dun novo edificio dadas as escasas posibilidades de crecemento que existen na situación actual.
A instalación dun desfibrilador no local social, a vixilancia dunha zona na que podería haber trapicheo de droga ou a retirada dun poste en Figueroa foron outros dos temas que se puxeron sobre a mesa.
O Consello Parroquial de Goiáns fixo repaso aos principais obxectivos que se marca a veciñanza para os vindeiros anos
O primeiro é a construción dun centro social, o que permitiría non ter que utilizar a escola, que ten uso educativo. A este respecto, o alcalde informou de que a modificación urbanística necesaria para poder edificar no terreo elixido pola veciñanza será aprobada inicialmente no pleno de novembro, aínda que aclarou que ao tratarse dunha modificación urbanística debe recibir o visto bo da Xunta antes de aprobación definitiva, que podería facerse na próxima primavera. A partir de aí acometerase a redacción do proxecto contando coas achegas veciñais.
Unha vez máis, os veciños e veciñas de Goiáns chamaron a atención sobre o mal estado da estrada autonómica que cruza a parroquia e sobre a necesidade de mellorar a seguridade nesa travesía. Evencio Ferrero comentou que o Concello está disposto a asumir a titularidade dese treito se a Xunta acomete previamente unha actuación integral, pero polo momento non houbo acordo entre as dúas Administracións. Ademais do firme, a veciñanza demanda pasos de peóns, beirarrúas e bandas rugosas.
A que si se vai acondicionar con aglomerado é a estrada municipal de Xoane ao Piñeiro, que conta cunha consignación orzamentaria de 100.473,33 euros no Plan Único da Deputación, e que só está pendente da autorización da institución provincial para que o Concello de Carballo poida realizar a licitación.
Arranxos en fontes e ríos de lavar, beirarrúas ou melloras no saneamento foron outras das peticións da veciñanza de Goiáns, que tamén pediu un contedor para o aceite de cociña usado.