O Constitucional rexeita o recurso da Xunta ao imposto ás grandes fortunas

1 minutes read

O Tribunal Constitucional aplicou doutrina e rexeitou tamén os recursos de inconstitucionalidade que presentaron a Xunta de Galicia e a de Andalucía contra o imposto ás grandes fortunas impulsado polo Goberno español, que se aplica ao patrimonio neto das persoas físicas de contía superior aos tres millóns de euros. Segundo informou esta quinta feira a corte de garantías, os maxistrados da facción conservadora Ricardo Enríquez, Enrique Arnaldo, Concepción Espejel e César Tolosa anunciaron que presentarán votos particulares contra a decisión da maioría progresista recollida en dúas sentenzas das que foron relatoras os maxistrados Juan Carlos Campo e Ricardo Enríquez.

Estaba previsto que o TC se pronunciase nesta liña, como xa o fixera o pasado 7 de novembro ao rexeitar a impugnación presentada polo Goberno de Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid. De feito, a Xunta, ante o previsíbel desta decisión, anunciou a semana pasada en sede parlamentaria a súa intención de modificar o marco legal -a través dunha emenda á lei de acompañamento dos orzamentos- para que Galiza «quede» co que recade deste imposto.

O TC xa avanzou daquela que aplicaría esta mesma doutrina aos recursos pendentes contra o imposto ás grandes fortunas. Ademais de Madrid, Andalucía e Galiza, recorreu Murcia, todos eles territorios gobernados polo Partido Popular. Tanto o Executivo madrileño como o andaluz pediron que se suspendese preventivamente a aplicación do tributo, pero o Constitucional denegouno.