A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar as solicitudes admitidas para participar na resolución do concurso de oratoria ComunicaTedu, que ten como obxectivo que o alumnado afonde na adquisición da competencia en comunicación lingüística, desta vez en relación coa temática de igualdade e prevención da violencia de xénero.
En total serán 7 os centros educativos e 21 equipos os que participen neste certame, que complementa a oferta da materia de oratoria nos centros educativos galegos como materia de libre configuración autonómica en 1º e 2º de ESO, así como –pola temática escollida este ano– as materias de Igualdade de Xénero, Sociedade Inclusiva e Coeducación para o século XXI.
Os centros participantes son os seguintes:
Provincia | Concello | Centro | Nº de equipos participantes |
A Coruña | Bergondo | CPI de Cruz do Sar | 2 |
A Coruña | Zas | CPI de Zas | 3 |
Lugo | Castroverde | CPI Plurilingüe de Castroverde | 2 |
Ourense | Ourense | IES O Couto | 4 |
Pontevedra | Vigo | IES Carlos Casares | 3 |
Pontevedra | Soutomaior | IES de Soutomaior | 4 |
Pontevedra | Pontevedra | IES Frei Martín Sarmiento | 3 |
O concurso baséase na preparación dunha intervención por cada equipo de estudantes participante arredor dun tema determinado e na súa gravación para sometela á avaliación do xurado. Nunha primeira fase, o profesorado recibirá o asesoramento necesario sobre as normas de elaboración das presentacións e a metodoloxía: definición do tema, discurso argumentativo, soporte audiovisual, elementos de valoración do xurado…
Na segunda fase, os equipos prepararán as súas intervencións e elaborarán os vídeos correspondentes, que serán enviados para a súa valoración na terceira fase. Unha vez seleccionadas, as 12 intervencións mellor valoradas –que serán recoñecidas cun diploma que acredite esta distinción- participarán nun evento no que serán de novo expostas para a súa gravación definitiva e difusión a través do portal educativo.
Nesta edición outorgaranse un total de catro premios, 1º e 2º para a categoría de ESO e o mesmo para a de bacharelato, dotados con 2000 € (os primeiros premios) e 1500 euros (os segundos).