Ata o vindeiro 18 de febreiro uns 800 alumnos e alumnas do CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña visitarán a exposición itinerante sobre a vida e obra do escritor Enrique Labarta Pose que quedou instalada na biblioteca Agustín Fernández Paz do propio centro educativo.
Baixo a atenta mirada dunha pequena parte do alumnado, o Alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño; o director pedagóxico do centro, Raúl Díaz Carballeira; e os padriños da exposición, Ana Belén Souto Brenlla e Xulián Barros Reimúndez; inauguraron a mostra que está composta por oito paneis informativos sobre o escritor baiés.
O Concello de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña, puxo en marcha esta iniciativa co fin sumar novas actividades ás xa realizadas dende hai máis de vinte anos para reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ó escritor baiés e que foron impulsadas na súa gran maioría pola Comisión Labarta Pose.