«O cuarto de Jane», de Charo Pita, gañadora do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

1 minutes read
  • A burelá Laura Ramos Cuba recibiu un accésit grazas á obra Rascamaceiras

O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, posto en marcha polo concello de Malpica e a Asociación Caldeirón, escolleu como gañadora a obra O cuarto de Jane, da escritora e actriz coruñesa Charo Pita. Na acta do certame consta que a obra «foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”.

Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, Pita obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.

Ademais, o xurado acordou conceder un accésit á obra Rascamaceiras, da Laura Ramos Cuba, por ser un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”. Cuba, nada en Burela en 1993, estudou xornalismo e comunicación audiovisual e ademais colaborou en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso ou Sermos Galiza.

O xurado desta edición estivo formado polo poeta Paco de Tano; a concelleira de Cultura de Malpica, Leticia Naya Varela; e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.