O debate permite visibilizar unha alternativa de esquerdas encabezada por Ana Pontón

2 minutes read

Isabel Faraldo (Podemos), Ana Pontón (BNG), Alfonso Rueda (PP), José Ramón Gómez Besteiro (PSOE) e Marta Lois (Sumar), expuxeron este luns a modo de debate as súas ideas para contribuír ao Goberno de Galicia os próximos catro anos. Alfonso Rueda -“presidente non electo”, como lle lembrou Marta Lois- abría e pechaba o debate e quixo debuxar o marco desde o primeiro momento, un tanto acurralado polos seus adversarios.

A polémica da cámara con Pontón e a baixa calidade de audio cos micrófonos de solapa colocados ao revés deixaron en dúbida unha instalación técnica millonaria recentemente reformada. Por momentos o nivel de audio era extremadamente baixo, sobretodo o do candidato socialista, ademais no momento da presentación da candidata do BNG, a realización da CRTVG picaba a cámara que estaba a enfocar ao candidato socialista. Un xesto que foi criticado nas redes sociais polas persoas que seguían a cita.

As mensaxes lanzadas polas candidatas e candidatos estiveron dirixidas a decantar o voto das persoas indecisas. Na primeira parte do debate, Rueda, Pontón e Besteiro, centrado nos aspectos económicos e nos sociais, emitiron un discurso transversal, á vez que Lois e Faraldo optaban por dirixirse ao seu electorado co fin de apontoalo e tratar de garantir representación.

Rueda, visiblemente nervioso, trataba de defender a xestión dos gobernos do Partido Popular con cifras que foron desmentidas polas candidatas e candidatos, que negaron o que Pontón cualificou como “Galicia ideal” que presentou Rueda, con datos “tramposos”, matizou.

O presidente da Xunta, que se sentiu acurralado por Pontón e Besteiro, tratou, sen éxito, de transmitir a idea de que Galicia “funciona” e comprometeuse, como medida estrela, a ampliar as bonificacións do imposto de sucesión.

A pesar de que Rueda tratou de levar o debate ao seu terreo, apoiado por unha moderadora que tratou de xestionar os tempos do BNG, tanto Pontón como Besteiro, Lois e Faraldo insistiron na necesidade de favorecer un cambio en Galicia.

 Ao final, o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alfonso Rueda, pediu o voto o 18F para que Galicia “siga avanzando”. A líder do BNG e candidata, Ana Pontón, pediu a confianza dos votantes para ser a primeira presidenta de Galicia, aínda que antes non lle votasen. O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu aos votantes volver a “o que fixemos posible nas xerais”, votar ao PSdeG”. Marta Lois, de Sumar, tamén coincidiu en volver facer o do 23 de xullo e “gañar tamén aquí en Galicia”. A candidata de Podemos, Isabel Faraldo, pediu o voto porque “son como ti”, dixo a cada un dos posibles votantes, e “a miña voz será a túa voz”, concluíu.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?