O Defensor do Paciente tacha de manipuladas as listas de agarda da sanidade galega

2 minutes read

Este luns viu a luz a memoria 2023 do Defensor do Paciente. Este, sinala entre outros datos que a Atención Primaria da Galicia é a “máis saturada” do Estado español, unha posición no ránking que comparte con Andalucía. Por iso, considera necesario aumentar o seu cadro de persoal médico e pediatras nun 30% para aminorar a presión, co que se podería “atender entre 20 e 25 pacientes ao día [por médico] en lugar de axendas con 50 ou 60”. Este informe apunta que a Atención Primaria é “a gran debilidade do sistema sanitario” da Galiza. Recorda que houbo unha folga de médicos e médicas o ano pasado, se ben se alcanzou un acordo coa subida dos prezos das gardas.

O informe anual do Defensor do Paciente tamén cifra en 47.046 as galegas e galegos en lista de agarda para operarse, cun período medio de 66 días de espera. O número sobe lixeiramente con 500 pacientes máis, pero as xornadas tenden á baixa. Os servizos con máis problemas son Traumatoloxía, Neurocirurxía e Rehabilitación.

Porén, o informe afirma aínda que “as listas de agarda” da Galiza son “das máis saneadas” do Estado español, “obsérvanse nuboeiros”, xa que “polas queixas que recibimos constatamos que están manipuladas”. “Proba disto é o modus operandi que vai pór en marcha a Xunta da Galiza para reducilas, que pasa por excluír as pacientes que rexeitan ser intervidas en hospitais de áreas sanitarias distintas ás que lles corresponden, co agravante de que as persoas enfermas e as familiares acompañantes deberán asumir os gastos de transporte e estancia fóra das localidades onde residen”. “Esta medida supón o aumento da lista non estruturar do Sistema Galego de Saúde (Sergas) que tanta polémica xerou nos últimos anos, e vai en favor da sanidade privada”, agrega o informe publicado esta segunda feira.

Por outra parte, cifra nun total de 41 as persoas falecidas na Galiza por neglixencias médicas en 2023. En concreto, rexistráronse 651 denuncias por neglixencias, a sexta maior cifra entre comunidades autónomas. Supón un descenso de 62 casos (-8,6%) en comparación co ano anterior e, “aínda que os niveis son mellorábeis, é certo que son os de menor incidencia de 2018 cara atrás”, asegura o informe. Os hospitais máis denunciados por orde son o CHUS, o Chuac, o CHUP e o CHUO, sendo os servizos con máis reclamacións Cirurxía Xeral, Urxencias, Traumatoloxía, listaxe de agarda, así como xinecoloxía e obstetricia.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?