O equipo dirixido por Irene Ferreras empatou a un ante o Cacereño en Abegondo, o que unido á igualada da ida permite ás herculinas xogar a final ao quedar nunha mellor posición na liga regular. O seu rival será o Granada, que venceu na outra semifinal a Osasuna. As coruñesas entraron mellor ao choque e esa tónica notouse ao longo de todo o primeiro tempo. Xa na primeira aproximación en ataque, Ainhoa Marín deixaba unha primeira mostra do que sería o seu encontro. O ’14’ branquiazul foi un encordio para a defensa estremeña, tanto por banda esquerda como pola dereita.
A pesar dos intentos frustrados, tanto foi o cántaro á fonte que ao final se acabou rompendo en favor das branquiazuis. Ainhoa Marín deulle pausa ao ataque e, cunha excelente manobra, poñía o balón no corazón da área. Aí apareceu a capitá, Cris Martínez, para marcar o primeiro gol do partido cun forte disparo que bateu á porteira. Pouco lle durou a alegría ás de Ferreras. Na xogada inmediatamente posterior ao tanto, o Cacereño forzaba un saque de esquina e Edna, que entrou tras o descanso, adiantouse a toda a defensa para rematar de cabeza e anotar o empate no partido.