O Deportivo suma a súa cuarta vitoria consecutiva contra o Cádiz


O Deportivo sumou a súa cuarta vitoria consecutiva contra o Cádiz cun solitario gol de Sabin Merino, nun partido cargado de respecto por ambos bandos. O cadro herculino aproveitou a súa oportunidade na segunda parte e fíxose forte despois para aguantar en defensa o 1-0 ante un Cádiz que nunca atopou as chaves para abrir a zaga deportivista.

Fernando Vázquez, analizou o triunfo do seu equipo, que suma a cuarta vitoria consecutiva e xa ve a luz ao final do túnel. Como el mesmo indicou, “gañar fai que os xogadores parezan mellores”.

“Pídolle á afección que teña calma, tranquilidade, que comprenda ao adestrador, o equipo. Fixemos perfecto o que tiñamos que facer. Os tres puntos eran superimportantes e impedimos que o Cádiz fose o Cádiz. Non correu, non puido facer contras, a iso nos dedicamos e nós collémolos nun momento e foi suficiente”, agregou o técnico coruñés.