O Diario Oficial de Galicia publicou o Decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia, que entrará en vigor aos 20 días desde a súa publicación, é dicir, o vindeiro 28 de xullo. Así, Galicia consolídase como unha comunidade pioneira nesta materia, xa que se converte na única rexión española, xunto a Cataluña, que conta cunha norma específica sobre paisaxe e consegue completar o seu desenvolvemento regulamentario.
O principal obxectivo é a protección, xestión e ordenación da paisaxe en desenvolvemento do previsto na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. A súa aplicación estenderase non só ao territorio de Galicia senón tamén á zona marítimo-terrestre e ás augas interiores.
Así mesmo e atendendo ao carácter transversal da paisaxe, o documento tamén regula aspectos da paisaxe recollidos na Lei do solo de Galicia de 2016, que foi a primeira en introducir a consideración desta variable na actividade urbanística.
Neste sentido, un dos aspectos máis salientables que regula o novo documento é a integración das políticas da paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais, para o que se prevé que todo plan, programa ou proxecto derivados de políticas públicas deberá ter en consideración na súa elaboración os valores paisaxísticos e diferenciais das áreas ás que afecten ou sobre as que poidan ter algún impacto.
Do mesmo xeito, concreta e define cales serán os instrumentos necesarios para garantir esta integración. Así, nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística realizarase un estudo da paisaxe do ámbito territorial ao que se refiran, e cando se traten de instrumentos de planeamento urbanístico deberán incorporar, a maiores, un estudo da paisaxe urbana, todo isto co fin de que acaden a mellor integración posible e minimicen o seu impacto.