O Día do Pequebasket reunirá en Carballo a máis de 600 nenos e nenas de toda Galicia


A cita será o venres 17 de maio e reunirá no complexo deportivo Carballo Calero ás futuras promesas do baloncesto base da comunidade. Organiza a Escola de Básket Xiria en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), o Concello de Carballo, Carballo Deporte e a Deputación da Coruña.

Oito canchas de minibasket, 120 partidos en formato 4×4 e sen marcador, inchables, coches e a pedais e moitos xogos son os números e algunhas das actividades dun programa que ten como principal obxectivo que os rapaces e rapazas o pasen ben, aprendan os valores do deporte e desfruten dun día inesquecible.

Como en anteriores edicións, o Pequebasket terá madriña; nesta edición, a lucense Esther Castedo, xogadora do Robert Morris Colonials da NCAA -a liga universitaria estadounidense- formada no Estudiantes de Lugo, habitual nas convocatorias das seleccións españolas, coas que acadou a medalla de prata nos Campionatos Europeos de FIBA sub 18 en 2018 e, co equipo nacional sub 15, o ouro no torneo HMY de 2105.