- O dano produciuse durante a tarde do mércores pero, ao non poder solucionar os danos de xeito interno, o buque tivo que ser rescatado
O buque ‘Elbsky’ comezou a ser remolcado ata o porto de Vigo a primeira hora da tarde deste xoves polo ‘Don Inda’, de Salvamento Marítimo, tras sufrir unha avaría fronte á costa galega, á altura de Fisterra.
Segundo informou Europa Press, fontes de Salvamento Marítimo comunicaron que os feitos sucederon pasadas as catro da tarde deste mércores cando o mercante, que transportaba contedores, quedou estancado na saída dun dispositivo de separación de tráfico por unha avaría. Ao non poder solucionar o problema de xeito interno, o capitán do ‘Elbsky’ contactou co buque ‘Ría de Vigo’ para ser remolcado ata o porto vigués e arranxar os danos. Para prestar apoio tamén acudiu o ‘Don Inda’ que, finalmente, foi o encargado de conducir o mercante debido ás condicións meteorolóxicas e ante a tardanza do ‘Ría de Vigo’.