O Enreguéifate, un proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, pon en marcha a sétima edición do seu certame de regueifas en vídeo.
Na presentación, este venres no Pazo de Raxoi en Santiago, participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate. Asistiron, ademais, responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.
“Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa”, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega, explicou Goretti Sanmartín.
O lema elixido para esta sétima edición é “Temos madeira regueifeira!”. Con esa idea, o Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no noso país. En palabras da organización: Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso.
O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo está aberto ata o 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do Enreguéifate, onde tamén están dispoñibles as bases completas. As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.